Muller Arousa
4. Repercusión e previsión do maltrato na muller
Fonte: igualdade.xunta.gal
Como repercute o maltrato na saúde da muller que a sofre
Cando fronte aos repetitivos episodios de violencia, e considerando que a situación non vai cambiar, a muller adopta unha actitude pasiva por medo e para evitar que se produza unha nova agresión, incluso maior, cara a ela ou cara aos seus seres queridos, estamos ante o "síndrome da muller maltratada".
A experiencia de maltrato provoca un alto nivel de ansiedade, alteracións psicosomáticas; sentimentos depresivos, disfuncións sexuais, condutas aditivas, dificultades nas súas relacións persoais.
Enrique Echeburúa e Paz del Corral equiparan os efectos que unha muller maltratada pode sufrir ao "trastorno de estrés postraumático", cuxos síntomas e características, sen dúbida, aparecen nalgunhas destas mulleres:
Síntomas de reexperimentación da situación vivida.
Evitación persistente de síntomas asociados co trauma e restrición afectiva.
Síntomas persistentes do aumento da activación fisiolóxica: dificultades para conciliar o sono, irritabilidade,dificultades para concentrarse, etc.
Angustia por percepción de ameaza real para a propia vida, pánico ante a anticipación da presenza do maltratador, imaxes e lembranzas indesexadas así como pesadelos, hiperactivación fisiolóxica sensación de estar controlada e vixiada constantemente, medo a deixar de ser obxecto de amor, medo a equivocarse, a sufrir e facer sufrir, etc…
Depresión por percepción de culpabilidade, por evocar esa situación de maltrato, ante o dano que poida xerar o seu estado anímico ao benestar dos fillos/fillas. Autocastigo, tristeza, dor, pena, rabia, desesperanza, fatiga, baixa autoestima, baixa autoimaxe, desmotivación, inseguridade, vergoña, sentimento de inferioridade e medo ao castigo que pode proporcionar a sociedade.
Como previr a violencia de xénero
Educar aos nenos e nenas, desde as idades máis temperás, nunha cultura centrada na resolución pacífica de conflitos, fomentar a empatía e desenvolver unha autoestima equilibrada, son principios que favorecen a desaparición dos prexuízos de xénero que se dan xa desde a escola.
Eliminar ao máximo os estereotipos transmitidos pola cultura patriarcal; polo tanto, ensinar a ‘ser persoa’ en lugar de ensinar a "ser home" ou a "ser muller" e así desterrar mitos como que a agresividade é un trazo masculino, ou pola contra, a submisión, o silencio, a obediencia… son trazos femininos, son obxectivos da coeducación.
Ademais, débese:
Evitar todo menosprezo cara aqueles rapaces ou homes que non se adaptan ao modelo de masculinidade dominante.
Evitar todo menosprezo cara aquelas rapazas ou mulleres que non se axeitan ao modelo de feminidade dominante.
Ensinarlles aos nenos e aos homes a incorporar nas súas vidas as vivencias e expresión dos propios sentimentos e emocións que enriquecen as súas relacións persoais e así favorecer a resolución de conflitos sen recorrer a comportamentos violentos, por medio do diálogo, o acordo, a negociación…
Desenvolver unha boa autoestima que capacite a nenas e nenos para adoptar unha actitude resolta ante a vida e os seus retos, asumir responsabilidades e enfrontarse con seguridade aos problemas.