Muller Arousa
3. Conceptos sobre violencia de xénero
Fonte: igualdade.xunta.gal
Diferentes conceptos
Calquera tipo de violencia fundaméntase nunha relación de poder onde alguén trata de dominar a outra persoa pola forza, contra a súa vontade; trata de obrigala a que faga o que non desexa, a que se pregue e recoñeza a súa inferioridade e dependencia con respecto a quen exerce a violencia. En todos os casos de violencia as vítimas pasan por un gran sufrimento e todas elas requiren coidado e atención, e todas as persoas agresoras son merecedoras da súa correspondente sanción penal; non obstante, cada tipo de violencia ten as súas peculiaridades. Pretender que toda violencia é igual impide que a violencia de xénero sexa comprendida adecuadamente e poida ser combatida eficazmente.
Violencia: uso intencional da forza física ou poder contra un/unha mesmo/a, cara outra persoa, grupo ou comunidade e que ten como consecuencia probables lesións físicas, danos psicolóxicos, alteracións do desenvolvemento, abandono e incluso morte.
Violencia de xénero: dirixida ás mulleres polo mesmo feito de selo, é dicir, por considerar que o sexo feminino é inferior e debe continuar nunha posición de subordinación con respecto ao masculino.
Violencia familiar: infrinxida por persoas do medio familiar e dirixida, xeralmente, ás persoas máis vulnerables do mesmo: nenos, nenas, persoas anciáns, persoas discapacitadas...
Violencia doméstica: dirixida á persoa ou persoas que convivan xuntas. Non é preciso que existan lazos familiares.